Escola de pais e nais en Piñeiral
O centro EFA Piñeiral está a desenvolver unha “Escola de pais e nais” dirixida a xente nova con pequenos ou que, aínda sen descendencia, están a prepararse para formar unha familia.
O sábado 31 de xaneiro, de 5 a 7, tivo lugar a primeira charla coloquio desta actividade.Co título “A educación nos primeiros anos” foi dirixida por Ignacio Abeal, psicólogo e socio Director de Nascor Consultores.
Ignacio Abeal falou do desenvolvemento físico e psico-social nos máis pequenos, coas particularidades propias dos dous primeiros meses de vida e daquelas que se dan en cada unha das seguintes etapas ata os tres anos.
Partindo dun principio fundamental, o de educar desde o amor, establecendo lazos afectivos fortes e seguros cos cativos, foi exemplificando como atopar o equilibrio entre dar sen atar, entre tutelar pero deixando madurar, entre dar seguridade pero permitir explorar o entorno sen sobreprotexer.
Especialmente interesante para o público participante foi poder consultar as súas dúbidas e atopar respostas e consellos para moverse con seguridade no arte de educar. Ese arte que, en palabras do filósofo Kant, é o máis difícil que existe e, no pensamento de calquera pai ou nai, supón a tarefa máis importante a realizar.