Chega setembro e con el chega de novo a actividade a Piñeiral. O luns 17 na Efa Piñeiral celebramos  o acto de inauguración do curso académico 2018-2019 dos ciclos de formación profesional comercio e marketing, panadaría, repostaría e confeitaría e coidados auxiliares de enfermaría.

Pilar Díaz-Caso, directora da EFA Piñeiral, foi a encargada de dar a benvida ao alumnado dos segundos cursos e de exercer de anfitrioa ante aqueles que debutan como estudantes do primeiro ano.

Pero Pilar quixo deixar ceder os primeiros minutos do acto de inauguración aos verdadeiros protagonistas do proxecto de Piñeiral, os alumnos de outras promocións, xa insertados laboralmente, e aos responsables da formación en empresas para que foran eles quen de primeira man contaran que significa e que achega a Efa Piñeiral, en que se diferencia.

Así, a través do vídeo corporativo do centro de formación e promoción rural, o alumnado coñeceu as vantaxes da formación aula empresa e do continuo contacto coa realidade empresarial, dous dos baluartes de éxito do proxecto de formación de Piñeiral.

Pilar Díaz-Caso tivo palabras de agradecemento para a promoción actual, por teren apostado por Piñeiral como opción para formarse, ao tempo que aproveitou  para explicar que un dos obxectivos do proceso formativo de Piñeiral é axudar a construír bos profesionais, e excelentes persoas; expertos en marketing e comercio, saúde, panadaría e repostaría, pero tamén sobresaíntes en valores, liderazgo, compromiso co territorio e co seu desenvolvemento; unha formación que vai máis alá do título oficial e homologado que se vai obter, valores que forman parte da marca persoal de cada persoa que se forma en Piñeiral.

Non en vano, unha das novidades deste curso académico, será a expedición por parte do centro dun título propio que certifique as actitudes, destrezas de comunicación, horas de formación en empresa, capacidades lingüísticas, entre outras competencias, adquiridas polo alumno grazas ao proxecto propio do centro.

Na EFA Piñeiral seguimos a apostar pola formación en idiomas en todos os ciclos e niveis, pola ética profesional e deontolóxica, e polo desenvolvemento de proxectos por parte do alumnado, que lles permita descubrir, coñecer e detectar posibilidades de emprego e de emprendemento.

Estamos seguros de que este curso será de moito proveito!