Risas, emocións, ovacións, discursos, consellos, recoñecementos e sorpresas, moitas sorpresas, os ingredientes do noso acto de clausura do curso 2017/2018.

Máis de cincuenta alumnos da promoción 2016/2018 dos ciclos medios e superiores de formación profesional das familias formativas de comercio e marketing, panadaría, repostaría e confeitaría e coidados auxiliares de enfermaría graduáronse coa presenza de máis de 100 persoas, as súas familias, o equipo directivo e docente e a representantes das máis de 200 empresas acolledoras polas que pasan os alumnos ó longo dos ciclos formativos.

No acto, ademais de procederse á entrega dos diplomas acreditativos, visionouse a memoria de actividades académicas que conformaron o seu itinerario formativo; visitas técnicas a empresas rexionais e nacionais, experiencias de inmersión lingüísticas no estranxeiro, participación en feiras e encontros sectoriais, festas gastronómicas, mobilidades Erasmus+ , participación en obradoiros, congresos e estadías de formación en empresas en cada trimestre.

Gabriel Tirapu, presidente das Efas de Galicia, quixo ter palabras de agradecemento tamén para as familias dos graduados, base fundamental do proxecto educativo de Piñeiral, por teren apostado polo centro para a formación dos seus fillos/as e pola súa activa participación na formación adquirida.

Pilar Díaz-Caso, directora da EFA Piñeiral tivo palabras de ánimo e recoñecemento para esta promoción, á  que aconsellou seguir formándose como profesionais, como expertos en marketing e comercio, saúde, panadaría e repostaría, pero tamén cultivar as actitudes que serán en gran medida as responsables do seu éxito laboral.

As elaboracións realizadas polo alumnado do Obradoiro Piñeiral, de entre as que sempre destacan as diferentes propostas con panificacións e as elaboracións con queixos, puxeron o punto doce e salgado do acto, nun ágape no que se aproveitou para visitar as recentemente estreadas instalacións do noso centro.

E os momentos máis divertidos, como non, diante do photocall elaborado polo alumnado do módulo de escaparatismo do ciclo medio de actividades comerciais, e que nesta ocasión fai alusión ás estrelas do comercio, do marketing, da panadaría e repostaría e da saúde que de seguro  os recentemente graduados chegarán a ser.

Parabéns rapazas e rapazas. Desde Piñeiral non podemos estar máis orgullosos de vós.