Compartindo experiencias no proceso de busca activa de emprego en Piñeiral
Antigos alumnos e alumnas dos centros EFA de Galicia compartiron as súas experiencias no proceso de busca activa de emprego co alumnado e familias do Centro EFA PIÑEIRAL o sábado, 18 de abril.
A actividade consistiu nunha mesa redonda na que participaron Raquel Carregal Salgueiro, Paula Asorey Fernández, César Ayude Varela e Rogelio Maneiro García. Desde a súa perspectiva como empresarios e emprendedores, transmitiron ideas, actitudes e aspectos que lles axudaron no seu percorrido profesional.
Tendo en conta que o público participante era sobre todo xente nova que se está a formar e que buscará pronto o seu primeiro posto de traballo, unha das cuestións que máis lles interesa é saber que precisan para incorporarse con éxito ao mundo laboral. Neste caso, as aportacións dos ponentes foron moi animantes e concretas: Ter un mínimo de habilidades e capacidades e, logo, “non cansarse de intentalo”, saber aproveitar tódalas oportunidades, ter ganas e sentido común, ser proactivo e polivalente.
Pero tan importante como atopar o primeiro posto de traballo é saber mantelo. Por iso se falou tamén de esforzo, -cumplir obxectivos, facer a empresa “túa”-, de asumir responsabilidades, de ser constante, de medrar para facer competencia á competencia, de formarse continuamente, de adaptarse e adiantarse aos cambios do mercado, de ser éticos e honrados, de ter unha actitude positiva e flexible… entre outras aportacións.